La gastronomía de San Andrés de Teixido

La escritora Luli Dopico ha compartido con nosotros este maravilloso artículo sobre la gastronomía y San Andrés de Teixido

11/22/2023

O señor Salas deume a información, mellor dito prestoume o libro de Víctor Sueiro: “Comer en Galicia”, que nos fala do «tortillo», do que xa tivera escoitado falar, pero non exactamente como relata o autor, mais sendo fieis á receita, resumimos e transcribimos: “Os tortillos de Santo André están ligados como outras vellas historias ás comilonas dos curas galaicos. Nesta composición só entran as xemas, buscando unha sartén xigantesca, con altura suficiente para que os chourizos se aguanten de pé. Necesitamos seis ducias de ovos, sen claras, só xemas, que bateremos ata que adquiran corpo, o suficiente para poder cravar os chourizos sen pel. Os chourizos estarán semicurados para que transmitan ben as substancias” Di Sueiro que o problema está en virar o tortillo…

Segundo as miñas informacións, o tortillo non se vira, deixase callar na tixola e botaremos tantos chourizos como comensais haxa, e algún máis por se queren repetir, que non vai ser o caso, porque a continuación virán as fontes con percebes, empanada de merlón e logo o cocido para rematar co caldo de verzas para asentar o viño. De postre gatón.

Disque estes pantagruélicos banquetes foron na época do cura Miragaya, segundo capelán que rexentaba o Santuario. Tres foron os irmáns Miragaya e os tres sacerdotes, un de Barbos (Ortigueira) e outro de Régoa (Cedeira), pero o que mellor daba de comer era don Manuel e del cóntanse moitas anécdotas, misaba en zocas, defendíase con escopeta de caza e era tan comedoriño que tiveron que facerlle unha mesa cunha curva axeitada ao seu bandullo, para que puidera xantar comodamente…

Contan que foi un convencido xermanófilo e cando viu emerxer das augas un submarino na Primeira Guerra Mundial, non dubidou en baixar ata a praia e subir nunha chalana para chegar onda el, tras descender pola escotilla, o Comandante fíxolle unha encomenda: confioulle a custodia da súa muller mentres interviñan nunhas operacións militares. Aquela dama estivo agochada en Teixido ata que regresaron por ela. Tempo andando o crego recibiu un retrato dedicado polo Kaiser Guillerme II, en recoñecemento da súa protección.

Outro día contarei máis historias, que abofé son graciosas.

Outra comida: o caldo. Quén eran as caldupeiras?

Vén de antigo. Eran mulleres que dende moi cedo se aposentaban nos camiños que ían a San Andrés cun enorme pote de ferro e alí mesmo, dende as primeiras horas da mañá, facían o caldo para os romeiros, que servían en cuncas de barro por un patacón. Hai unha cantiga que as lembra: “Indo para San Andrés, aló no Porto do Cabo, díxome unha caldupeira, —Romeiriña, queres caldo? —Non señora que me escaldo. —Romeiriña, queres viño? —Si señora, un papadiño”.

Na actualidade hai catro bares nos que podemos xantar como o facía o cura de San Andrés, tal como nos informa Sergio Muíño. A taberna de Hermanos Bouza, onde Basi presenta a enorme tortilla, tamén teñen empanada, pulpo, berberechos e outras saborosas viandas. Nos Loureiros, Óscar fai comida variada, máis actual, carne asada, zamburiñas, croquetas, navallas... Na Aira Vella, degustaremos o caldo que fai Sergio, ademais dos percebes e un menú variado. O bar de Teixidelo, especialidade en mariscos, pulpo, ovos con xamón e unha ampla carta de viños. Todo riquísimo e prezos asequibles.

E de postre, as roscas, que se venden ensartadas nunha ramiña. Hainas con azucre e sen el. Unha tradición que se remonta no tempo das antigas feiras, onde se vendían a centos. Non se fan alí, parece ser que as fan en Montoxo e noutros fornos da zona.

Que aproveite e lembren ir a San Andrés de vivos. Merece a pena.

LULI DOPICO

Eu fun de vivo! Eu fun de viva a San Andrés de Teixido!

Tortillas de Basilisa Painceira.