Un «II Foro dos Vivos» de récord e para traballar polos Camiños de Santo André de Teixido

Un total de 106 personas se contabilizaron en Porto de Cabo este domingo 1 de decembro para construir o territorio en torno aos Camiños de Santo André e o Xeoparque do Cabo Ortegal.

12/2/2024

O Foro dos Vivos sobre os Camiños de Santo André de Teixido acolle a 106 persoas nesta segunda edición celebrada en Porto de Cabo. Un encontro no que se estableceron liñas de traballo entre as comunidades locais, empresas, asociacións e concellos polos que pasan estes itinerarios de peregrinaxe. Un éxito de resposta a esta convocatoria cun enfoque construtivo e de futuro para o territorio.

Nesta edición presentada por José Picallo de Casa do Morcego, o investigador Alfonso Filgueira inaugurou a xornada destacando a importancia deste recurso no desenvolvemento rural do territorio. A asociación ASCM con Paula Gárate deu a coñecer a súa experiencia no eido da accesibilidade e a inclusión, compartindo testemuñas de romeiros que fixeron o Camiño recentemente. Antonia Martínez, da Asociación Veciñal de Porto de Cabo e caldupeira compartiu a súa experiencia e foi exemplo de unión, compromiso e colaboración entre a comunidade local para conseguir os obxetivos. Deste xeito, dende as experiencias do camiño Pepe Breijo, da empresa Portal Norte, remarcou a necesidade de crear un ente de coordinación deste recurso entre os actores implicados; Martina Beceiro puxo o foco na artesanía e na posta en valor da identidade a través das súas creacións; Sergio Muíño, de Eu fun de vivo, aportou datos turísticos da realidade do destino e reforzou a conexión e unión dentro do Xeoparque do Cabo Ortegal onde conviven estes camiños. En cuarto lugar, Loli Rubido da empresa Roteiros apuntou ao patrimonio prehistórico desta peregrinaxe, así como á íntima conexión coa xeoloxía, alentando a seguir traballando. Ao evento tamén asistiron representantes de clubes, universidades, medios de comunicación, empresas, proxectos e outras iniciativas do territorio que levan tempo traballando o camiño.

Finalmente, no espazo de conexión co territorio foron representantes dos concellos do Xeoparque (Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño), así como do Concello de Narón, quenes compartiron a súa perspectiva e, en termos xerais, amosaron a súa disposición a colaborar e a seguir apostando por estes Camiños de Santo André de Teixido. O acto pechouse coa magnífica actuación de Airiños dos Carrís ao tempo que se degustaba o caldo tradicional e produtos locais do Xeoparque.

Eu fun de vivo! Eu fun de viva!