LA VOZ DE ORTIGUEIRA - ENTREVISTA A SERGIO MUIÑO Y JORGE BELLÓN.
San Andrés de Teixido, Cedeira - Eufundevivo
SERGIO MUÍÑO E JORGE BELLÓN TRABALLAN POR POÑER EN ALZA AS TRADICIÓNS E O GRAN PATRIMONIO QUE OFRECE SAN ANDRÉS.
O pasado doce de febreiro, o Club de Lectura contou coa presenza de Sergio Muíño, Fundador de Eufundevivo e doutorando en Turismo. Aproveitamos o momento para facerlle unha entrevista.
Cando nace “Eufundevivo”?
O proxecto nace a finais do ano 2019, a través da creación das redes sociais e a publicación dunha foto miña no santuario coa lenda: «Eu fun de vivo a San Andrés de Teixido». A raíz de aquí, xorde a idea de poñer en valor o sentimento que moitos de nós temos cara este lugar ao que debemos ir en vida ou de mortos. Ademais, tendo en conta a realidade turística de San Andrés, esta iniciativa vai acompañada dunha proposta de desenvolvemento turístico sostible e local, dende o propio destino.
Qué facedes e cantos sodes?
«Eufundevivo» é un proxecto da xente, polo tanto é difícil saber cantos somos. Son moitas as persoas que colaboran con nós enviando fotografías e historias, escribindo vivencias e relatos, axudando e cedendo material para as nosas investigacións ou mesmo berrando a viva voz que foron de vivas ao santuario… Por outra parte, non me quero esquecer da xente de San Andrés que me acolleron dende o primeiro día. Sen eles o proxecto non tería ningún sentido! Para min é moi importante que estean a gusto co que facemos, son eles quen viven no lugar e o que non é bo para a poboación local non pode ser bo para o visitante!
Qué iniciativas foron xurdindo?
Entre as nosas iniciativas atópase por un lado #TeixidoFavorito, que recompila historias, anécdotas e vivencias reais daquelas persoas que visitaron o santuario. E por outra banda, o ano pasado fixemos o 1º Certame de Relatos Curtos EUFUNDEVIVO cun premio composto dunha visita guiada, un lote de produtos da artesanía local, un diploma acreditativo e a publicación do mesmo nas nosas plataformas dixitais. Quen queira pode ler o relato: “Siempre hacia el oeste”, ou enviar a súa anécdota a través da nosa páxina web ( www.eufundevivo.com ). Este ano faremos a 2º edición do Certame.
FITUR
Cada ano, en Madrid (FITUR) hai un stand de Galicia no que se atopa representado todo o territorio. Este ano, Santo André de Teixido tivo un gran protagonismo xa que a artesanía que levou a Axencia de Turismo de Galicia foron os sanandreses, da man do seu artesán Jorge Bellón.
Qué acollida tiveron?
Foi moi boa, cada día miles de persoas se achegaron ao posto a saber máis deles. Moita xente xa os coñecía e a que non, quedaba sorprendida moi positivamente. Ata os reis levaron uns sanandresiños! Tamén fixemos varios obradoiros amosando como se fan e incluso o equipo de Galicia levábamos un como parte do noso uniforme.
Qué son? Qué representan? Cómo se fan?
Os sanandreses son unha artesanía centenaria e típica de Santo André de Teixido, amuletos feitos con miga de pan sen fermentar e cocidos, algúns deles durante horas, que logo se pintan para darlles as cores características que coñecemos.
Existen diferentes formas, cada unha co seu significado: a flor para o amor, a barca para as viaxes, o santo para a saúde, o peixe para o alimento, a escada para o traballo, a man para os estudos, a coroa para a protección e a pomba para a paz. Estes son os máis habituais, aínda que hai algún máis como o pé ou o trevo que están en proceso de recuperación!
SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO
Que significa para a comarca?
Santo André de Teixido é un referente histórico, o segundo punto de peregrinación máis visitado despois de Santiago de Compostela e, posiblemente, o máis antigo de Galicia. Para entender o que representa para a comarca é preciso poñer a vista no Camiño, xa que é un recurso que ofrece actualmente oportunidade real de desenvolvemento turístico dun xeito respectuoso e sostible.
Baixo o meu punto de vista, as accións que se están a levar a cabo vinculadas a Teixido non abondan se queremos conservar a esencia deste lugar milenario. É certo e teño constancia de que se está a traballar neste tema dende o meu concello de Cedeira e dende outros polos que pasa o Camiño, pero o turismo avanza a gran velocidade e requírese unha labor de xestión e planificación real e conxunta, articulada por tres eixos principais: concellos e organismos, empresas privadas e a poboación local que habita o destino. Nós seguiremos aportando o noso grao de area e, como ata o momento, colaborando e traballando con aquelas persoas e entidades que aposten pola prosperidade e sostibilidade de Santo André de Teixido.
Pois moitas grazas, iniciativas así son de aplaudir e poñen en valor o grande patrimonio que temos con San Andrés de Teixido, ao que a que ir de vivo
Entrevista realizada por Luli Dopico para La Voz de Ortigueira.
Jorge Bellón, artesán galego.
Sergio Muiño, co ramo de San Andrés.
Sanandresiños en FITUR.